Texto completo

Proposición de lei por iniciativa lexislativa popular para unha lingua vital e de medidas para reverter a emerxencia lingüística

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

A lingua galega é vital para o desenvolvemento do pobo galego. Os datos estatísticos oficiais confirman a emerxencia lingüística, resultado da exclusión do idioma propio da Galiza da oferta en todos os ámbitos, nomeadamente no ensino, mais tamén das actividades comerciais e económicas, da cultura, da televisión e do sector audiovisual, da administración ou da xustiza.

A mobilización social polo idioma da Galiza logrou que o Consello de Europa ou a ONU dirixisen advertencias á Xunta da Galiza para mudar a súa actitude sobre o galego.

Anulados os seus efectos pola Xunta da Galiza, o Plan xeral de normalización da lingua galega (PXNLG), aprobado por unanimidade en 2004, nin sequera contou con valor declarativo. A acción do goberno que ten a obriga de promover a lingua galega foi no sentido contrario. Vulnerou o acordado nun PXNLG que atacou e se negou a dotar de calquera valor xurídico.

Para mudar o rumbo do idioma e reverter a emerxencia lingüística, centos de colectivos sociais responderon ao chamamento da plataforma cidadá Queremos Galego para elaborar o protocolo Lingua Vital, unha alternativa que parte dos obxectivos de acordos unánimes nacionais e internacionais: o Plan xeral de normalización da lingua galega de 2004, a Carta europea de linguas rexionais e minorizadas, a Declaración universal de dereitos lingüísticos e a Lei Paz Andrade.

Os acordos, para seren executados e efectivos, han de ser trasladados a normas. Só así a Xunta terá a obriga de cumprilos. É o que pretende esta proposición de lei para facer efectiva a vontade social maioritaria de normalizar a lingua galega: levantar as restricións impostas ao galego, nomeadamente as dos últimos anos (decreto contra o galego no ensino, modificacións da lei de emprego público da Galiza, exclusión da lei de IA, ausencia en programas informáticos e de garantías na lexislación de consumo, boicot á oficialidade na UE ou á presenza directa na UNESCO).

Para a normalización social do uso do galego, para que quen xa usa o idioma propio da Galiza poida seguilo facendo, para incorporar novas e novos falantes e atender as súas necesidades, para recuperala como lingua de acollida e de integración, é máis necesario que nunca garantir e amparar legalmente o dereito ao uso do galego e a súa dispoñibilidade sempre e en todo lugar, con oferta positiva e de uso en todos os ámbitos e espazos, cunha abertura plena á lusofonía, sen que o propio goberno galego poida impedilo.

Reverter esta situación é posíbel co compromiso de todas e todos, comezando polas institucións galegas e os colectivos sociais, para que o galego teña presenza en todo e para todo.

TITULO I

Garantía dos dereitos lingüísticos

Artigo 1. Plan xeral de normalización da lingua galega (PXNLG)

1. O Plan xeral de normalización da lingua galega estabelece obxectivos xerais e concretos para a promoción do galego en todos os ámbitos e sectores sociais. Terá rango de lei e dotación orzamentaria.

2. O seu contido será de obrigado cumprimento por parte da Administración pública galega, que, así mesmo, colaborará activamente co resto das administracións e entidades sociais e co sector privado para favorecer a normalización do galego en todos os ámbitos.

3. O cumprimento dos obxectivos do PXNLG serán avaliados anualmente. Desta avaliación emitirase e publicarase un informe cos datos e accións emprendidas.

4. Cada cinco anos, o PXNLG será sometido a revisión para adaptar os obxectivos ás necesidades reais de normalización e promoción da lingua galega. A revisión será aprobada polo Parlamento da Galiza.

Artigo 2. Avaliación de impacto lingüístico

As normas aprobadas pola Xunta e o Parlamento da Galiza contarán coa correspondente avaliación de impacto lingüístico conforme os criterios e obxectivos definidos na Lei de normalización lingüística, no Plan xeral de normalización da lingua galega, na Carta europea de linguas rexionais e minorizadas e na Declaración universal de dereitos lingüísticos.

Artigo 3. Dereito ao uso do galego nos servizos económicos e comerciais

1. Os poderes públicos amparan o uso normal da lingua galega nas actividades económicas, laborais, comerciais, empresariais e financeiras, impulsando a súa incorporación como lingua habitual de relación, comunicación e prestación de servizos, así como o exercicio dos dereitos lingüísticos das persoas traballadoras.

2. As persoas usuarias teñen o dereito de usar o galego e acceder a todos os servizos económicos e comerciais en lingua galega. Así pois, as empresas garantirán que os usuarios e usuarias poidan recibir atención, contratos, facturas, documentación e toda a información que precisen en galego.

3. A Administración pública, en coordinación cos axentes sociais e empresariais, ofertará cursos gratuítos de lingua galega e recursos de xestión lingüística dirixidos ao persoal das empresas, co obxectivo de facilitar a súa realización dentro da xornada laboral e adaptados á realidade sectorial de cada negocio

Artigo 4. Valedoría de dereitos lingüísticos

Co obxectivo de velar pola garantía dos dereitos lingüísticos, crearase a Valedoría de dereitos lingüísticos como organismo de actuación para asesorar a cidadanía e asegurar o cumprimento da lexislación que ampara estes dereitos.

A persoa que exerza esta función será elixida por unha maioría de dous terzos das deputadas e deputados do Parlamento da Galiza por un período de cinco anos.

TITULO II

Ensino

Artigo 5. O galego no ensino

1. O galego é a lingua vehicular e de aprendizaxe do sistema educativo obrigatorio e non obrigatorio e a de uso normal de acollida do alumnado de recente incorporación. A Xunta da Galiza asegurará a docencia en galego en todos os cursos, niveis, materias, módulos e modalidades educativas sen que poida ser restrinxida no desenvolvemento normativo.
As materias lingüísticas impartiranse, con carácter xeral, na lingua obxecto de aprendizaxe.

2. Adoptaranse as medidas de reforzo necesarias para recuperar e ampliar o uso do galego entre o alumnado contando coas Equipas de Normalización e Dinamización Lingüística.

3. A administración educativa garantirá a plena formación do conxunto do profesorado que asegure a súa competencia plena para impartir todas as materias e niveis educativos en galego.

4. A administración educativa ofertará os materiais e recursos didácticos necesarios en todos os cursos, niveis e materias, módulos e modalidades para o ensino en galego. Así mesmo, informará as nais e pais e responsábeis legais do proceso de normalización no ensino.

5. Así mesmo, estabelecerá un programa específico para promover o galego na formación profesional en coordinación coas empresas e elaborará planos de normalización nas universidades galegas para aumentar o ensino e a investigación en galego.

Artigo 6. Aproveitamento da lusofonía

En cumprimento da Lei 1/2014, de aproveitamento da lingua portuguesa e vínculos coa lusofonía, aumentarase a oferta docente en portugués, a dotación de contidos e recursos nesta lingua e os intercambios entre centros de ensino galegos e portugueses.

TITULO III

Servizos públicos

Artigo 7. Oferta positiva na Administración, xustiza e sanidadeArtigo 7. Oferta positiva na Administración, xustiza e sanidade

1. Estabelécese a oferta positiva en galego en todos os niveis de relación coa cidadanía na Administración pública galega, incluídas a de xustiza e a de servizos de saúde, así como nos servizos e empresas dependentes ou contratados pola Administración pública galega.

2. A tal fin, conforme ao PXNLG, nas probas selectivas que se realicen para o acceso ás prazas en calquera das administracións públicas galegas (na Administración da comunidade autónoma e nas entidades locais da Galiza) terase que demostrar o coñecemento da lingua galega e do mesmo xeito será requisito obrigatorio no traslado desde fóra de Galiza.

3. Para estes efectos, xunto ao requisito da formación correspondente, as bases das convocatorias estabelecerán que unha ou varias das probas do proceso selectivo se deberán realizar exclusivamente en lingua galega, e iso sen prexuízo doutras probas adicionais, que se puidesen prever, para aqueles postos de traballo que requiran un especial coñecemento da lingua galega.

Artigo 8. Lingua da Administración pública

As páxinas web e os seus contidos, os programas de xestión e informáticos e as tecnoloxías, incluída a intelixencia artificial, empregadas pola Administración pública galega en todas as súas áreas e polos servizos ou empresas dependentes ou contratados por ela terán como lingua por defecto e prioritaria a galega.

Artigo 9. Contratos e subvencións públicas

Os contratos e todas as convocatorias de subvencións da Administración pública galega deberán incorporar cláusulas de responsabilidade lingüística que incluirán garantías de oferta e uso de galego.

Artigo 10. O galego na sanidade

1. A Consellaría de Sanidade e os seus organismos dependentes contarán cun Plan de xestión lingüística que deberá ser aplicado e avaliado.

2. Todos os organismos dependentes da Consellaría de Sanidade garantirán o requisito de coñecemento de galego para o seu persoal, así como a oferta positiva e a presenza do galego en programas informáticos, formularios, sinalización, locucións ou consentimentos informados, e ofertarán a formación continua ao persoal sanitario en galego.

Artigo 11. O galego na xustiza

A Xunta da Galiza garantirá o galego como opción prioritaria nos programas informáticos da administración de xustiza, tanto na interface e nos dispositivos como en todos os documentos e formularios que se empregan.

Artigo 12. Servizos de Normalización Lingüística

A Xunta da Galiza estabelecerá canles e programas de colaboración estábeis cos concellos para a creación e consolidación de Servizos de Normalización Lingüística. Colaborará no seu financiamento e promoverá a súa implantación no resto das administracións públicas, especialmente nos ámbitos da sanidade e da xustiza. Do mesmo xeito, impulsará a creación dun órgano de coordinación dos Servizos de Normalización Lingüística que garanta a cooperación, a planificación estratéxica e o aproveitamento compartido de recursos.

Artigo 13. Programas para colectivos migrantes

A Xunta da Galiza garantirá un plan de inmersión en lingua galega de persoas migrantes e contará con programas, integramente en galego, para a súa formación laboral e integración na sociedade galega, traballando conxuntamente con entidades representativas das diferentes comunidades e atendendo ás súas necesidades.

TITULO IV

Medios de comunicación e dixitais

Artigo 14. A lingua galega nos medios de comunicación

1. Os medios públicos de comunicación audiovisual de titularidade da Comunidade Autónoma da Galiza producirán os seus programas, contidos e servizos en lingua galega, atendendo a todas as variedades do sistema lingüístico galego-portugués, e garantirán a edición e difusión en galego dos programas, os contidos e os servizos de produción allea, incluídos os contidos publicitarios.

2. A Xunta da Galiza priorizará o uso do galego nas convocatorias de axudas e na contratación de publicidade nos medios de comunicación e estabelecerá accións para evitar a discriminación polo uso do galego en sistemas de busca ou promoción en internet.

3. Os medios de información públicos ou que conten con axudas públicas ou publicidade institucional farán uso da toponimia oficial da Galiza en harmonía coa legalidade vixente. Así mesmo, asegurarase o cumprimento do uso correcto da toponimia galega nos sinais e letreiros públicos.

Artigo 15. Plan estratéxico da CSAG

Elaborarase un plan estratéxico da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia (CSAG) para a recuperación do seu papel normalizador, garantindo o pluralismo e unha oferta ampla e atractiva, nomeadamente para o público e infantil e xuvenil, adaptada a todas as canles, dispositivos e aplicacións.

Artigo 16. O galego nas tecnoloxías

Asegurarase a presenza por defecto e preeminente do galego en todos os servizos, dispositivos, sitios web, videoxogos, aplicacións informáticas e de comunicación, sistemas ou tecnoloxías adquiridas, desenvolvidas ou por desenvolver polas administracións galegas e promoverase a incorporación do galego nos algoritmos de selección de plataformas audiovisuais, así como nos servizos e dispositivos dixitais que estean á disposición da comunidade galega.

TITULO VI

Acción exterior, galego estremeiro e lusofonía

Artigo 22. Oficialidade do galego na UE en entrada na CPLP

A Xunta da Galiza reclamará perante os Estados membros a oficialidade do galego na Unión Europea e solicitarase a entrada da Galiza como membro de pleno dereito da Comunidade de Países de Língua Portuguesa.

Artigo 23. Galego estremeiro

Nos territorios de lingua galega fóra da Comunidade Autónoma da Galiza, a Xunta procurará a efectividade desta lei a través de acordos coas administracións públicas e coas entidades sociais de defensa e promoción da lingua galega desas comunidades autónomas.

Artigo 24. Instituto Rosalía de Castro

Crearase o Instituto Rosalía de Castro para a promoción da lingua e cultura galega no exterior. Para tal fin, contará con dotación propia e suficiente de persoal e material

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas as normas de igual ou inferior rango en todo o que contradigan ou se opoñan ao disposto na presente lei, nomeadamente o Decreto 79/2010, do 20 de maio, para o plurilingüismo no ensino non universitario da Galiza.

Disposición final primeira. Modificación da Lei 2/2012, do 28 de marzo, galega de protección xeral das persoas consumidoras e usuarias

Engádense os seguintes puntos ao artigo 46 da Lei 2/2012, do 28 de marzo, galega de protección xeral das persoas consumidoras e usuarias:

3. As persoas consumidoras e usuarias teñen dereito a seren atendidas en galego en notarías, entidades bancarias, compañías aseguradoras e empresas que prestan servizos ou subministran bens en Galiza, con independencia da situación da súa sede social.

Para estes efectos teñen dereito a recibir en galego, con independencia do formato empregado, todo tipo de atención, documentación, facturas, contratos, instrucións, manuais e calquera información de carácter oral e escrito que derive deles.

4. Xunta da Galiza asegurará a dispoñibilidade de aplicacións informáticas, programas de xestión e interfaces en galego para titulares de estabelecementos comerciais e desenvolverá accións para impulsar a sinalización e información exterior. Así mesmo, asegurará o cumprimento da normativa en materia de normalización lingüística en relación con que a única forma legal da toponimia é a galega.

Disposición final segunda. Modificación da Lei 2/2015, do 29 de abril, de emprego público da Galiza

Queda substituído o punto 3 do artigo 51 da Lei 2/2015, do 29 de abril, de emprego público da Galiza polo seguinte texto:

3. Nas probas selectivas que se realicen para o acceso ás prazas da Administración da Comunidade Autónoma da Galiza e nas entidades locais da Galiza, así como nos traslados desde fóra de Galiza, terase que demostrar o coñecemento da lingua galega.

Disposición final terceira. Modificación da Lei 5/1997, do 22 de xullo, da Administración local da Galiza

Modifícase o apartado 3 do artigo 7 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local da Galiza, que queda redactado como sigue:

3. A Xunta da Galiza impulsará o proceso de incorporación da lingua galega na Administración local, especialmente a través de programas de formación das persoas funcionarias das entidades locais en lingua galega e da colaboración para a creación de Servizos de Normalización Lingüística en todos os concellos.

Disposición final cuarta. Modificación da Lei 1/2025, do 14 de marzo, de servizos dos medios públicos de comunicación audiovisual da Galiza para a sociedade dixital

Introdúcese unha nova redacción para o artigo 7 da Lei 1/2025, do 14 de marzo, de servizos dos medios públicos de comunicación audiovisual da Galiza para a sociedade dixital, que fica coa seguinte redacción:

Artigo 7. Uso da lingua. Os medios públicos de comunicación audiovisual de titularidade da Comunidade Autónoma da Galiza producirán os seus programas, contidos e servizos en lingua galega, atendendo a todas as variedades do seu sistema lingüístico e garantirán a edición e difusión en galego dos programas, os contidos e os servizos de produción allea, incluídos os contidos publicitarios.

Disposición final quinta. Modificación da Lei 2/2025, do 2 de abril, para o desenvolvemento e impulso da intelixencia artificial en Galiza

Un. Modifícase o artigo 22, que queda redactado como segue:

Artigo 22. Os dereitos da cidadanía. Dereito ao uso da lingua galega, que será a lingua de uso preferente. A interacción en lingua galega deberá ser correspondida polos sistemas de intelixencia artificial ou modelos de intelixencia artificial.

Dous. Introdúcese unha nova sección cun novo artigo no título V, referido ás medidas para o impulso da intelixencia artificial en Galiza:

Sección 5.ª. De medidas para a normalización lingüística

Artigo 61 bis. Normalización lingüística na intelixencia artificial

A Administración autonómica impulsará o proceso de normalización lingüística na intelixencia artificial asegurando a incorporación do galego a todos os sistemas de intelixencia artificial que adquira ou conten coa súa participación ou colaboración e incentivando a súa presenza no ámbito privado. A tal fin entenderase que todas as medidas incluídas neste capítulo terán como obxectivo a garantía de uso e disposición da lingua galega.

Disposición final sexta. Entrada en vigor

Esta lei entrará en vigor aos vinte días naturais da súa publicación no Diario Oficial da Galiza.

Scroll ao inicio