A ILP Lingua Vital é unha proposición de lei que pretende levar ás normas todos os acordos a favor do galego e asegurar así a plena disposición da lingua en todos os espazos e garantir o dereito ao seu uso.
Para levala a debate no Parlamento de Galiza precísanse un mínimo de 10.000 sinaturas de persoas censadas en Galiza.
Como apoiala?
Asinando nos pregos oficiais, numerados e selados pola Xunta electoral que estarán dispoñíbeis nas sedes das organizacións apoiantes e nas mesas que se instalarán nas vilas e cidades galegas. No calendario poderás consultar a axenda dos actos onde estaremos e aquí os lugares.
Como colaborar?
Se ademais queres axudar na recollida de sinaturas, pódetes pór en contacto connosco cubrindo os datos do formulario dispoñíbel en www.linguavital.gal. Enviarémosche toda a información para colaborares na medida das túas posibilidades.
Se tes ou coñeces estabelecementos comerciais que poidan servir de punto de recollida de sinaturas tamén nos podes axudar e publicitarémolo.
Que propón a ILP Vital?
Aquí podes consultar o texto completo
Garantir os dereitos lingüísticos: cumprir e dar rango de lei a todos os acordos a favor do galego, con avaliación de impacto lingüístico das normas, asegurando o dereito ao uso do galego nos servizos económicos e comerciais e a creación dunha valedoría de dereitos lingüísticos.
Ensino en galego: derrogar o decreto contra o galego e estabelecer a galega como lingua vehicular e de acollida no conxunto do ensino sen que poida ser restrinxido, así como asegurar a formación do profesorado, a oferta de materiais e recursos didácticos, un programa específico na formación profesional e o aproveitamento da lusofonía.
Servizos públicos en galego: estabelecer a oferta positiva en galego, asegurar o coñecemento de galego e a súa presenza e disposición por defecto e prioritaria na administración pública, incorporando cláusulas e garantías de oferta e uso de galego nos contratos públicos e creando servizos de normalización coordinados. Tamen se propoñen accións e programas para a formación e integración de migrantes integramente en galego tendo en conta ás entidades representativas destas comunidades.
En ámbitos como a sanidade proponse un plan de xestión lingüística e na xustiza a presenza do galego nos programas de xestión e documentos. estabelécense
Medios de comunicación e dixitais en galego: estabelecer o uso exclusivo do galego en todos os programas e producións, incluídos os contidos publicitarios, así como un plan estratéxico da CSAG que recupere o seu papel normalizador, o pluralismo e unha oferta ampla e atractiva, nomeadamente para o público infantil e xuvenil. Nas tecnoloxías propón asegurar a presenza por defecto e a súa incorporación nos servizos e dispositivos dixitais.
Cultura e o deporte en galego: mínimos de investimento público en obras e actividades culturais en galego, medidas para a promoción da distribución e difusión do libro en galego, cotas de emisión, dobraxe e lexendaxe nos servizos audiovisuais, garantir a o cinema en galego nas salas e que o galego sexa a lingua das actividades deportivas financiadas con diñeiro público.
Galego sen fronteiras: estabelecendo por lei a reclamación da oficialidade do galego na UE, o recoñecemento de Galiza na CPLP, mecanismos para a efectivización da ILP nos territorios de lingua galega fóra da comunidade autónoma e a creación do Instituto Rosalía de Castro para a promoción do galego no exterior.
Galego sen limites: derrogar o Decreto 79/2010 contra o galego no ensino e de todas aquelas normas que impiden ou dificultan o uso e presenza do galego no ensino, na administración, no consumo ou nos medios de comunicación públicos.






