Santiago de Compostela, 17 de setembro de 2026.- Representantes das entidades sociais apoiantes do protocolo lingua vital presentaron esta mañá no Parlamento galego unha proposición de lei por iniciativa lexislativa popular (ILP) para reverter a emerxencia lingüística que amosan todos os estudos e que, en palabras do voceiro da plataforma, “é reversíbel co compromiso do poderes públicos e das entidades sociais”.
“Non nos resignamos”, asegura Maceira, “se a lingua galega está viva é porque hai unha sociedade que a defende e actúa para mantela”. Neste sentido, o voceiro de Queremos Galego recordou que mentres a Xunta amosaba por un lado un suposto interese pola lingua e lexislaba polo outro contra a súa presenza en ámbitos como os medios públicos, a administración ou a IA, a sociedade manifestábase en apoio aos acordos unánimes previos arredor da lingua (como o actual PXNLG, a DUDL ou o a CELRM) e ás alternativas que as entidades ían elaborando colectivamente nun proceso que culminou no Protocolo Lingua Vital.
A iniciativa lexislativa popular presentada hoxe recolle os principais aspectos dos acordos pola lingua acadados por entidades da lingua mais tamén sindicais, culturais, veciñais, da comunidade educativa, do ecoloxismo ou das persoas consumidoras. Unha vez admitida a trámite, comezará un proceso de recollida de sinaturas que contará coa implicación de centos de colectivos sociais e de persoas voluntarias para que en cada vila e localidade de Galiza se poida asinar e apoiar esta proposta para reverter a emerxencia lingüística e facer da nosa unha lingua vital, en todo e para todo.
“Na diversidade e pluralidade da comisión promotora desta lei”, afirma Maceira, “pode verse que a lingua galega é elemento de unidade e cohesión social, que no contexto actual é máis necesario que nunca defender e impulsar”. “Non hai ningún motivo para que o Parlamento non aprobe esta iniciativa lexislativa popular”, conclúe, “porque non hai ningün motivo para incumprir os acordos en relación ao idioma”.
